luns, 25 de xuño de 2018

ANPAs de Arteixo demandamos priorizar un novo CEIP e IES

Estimadas Familias.

Levamos algo máis dun ano facendo propostas a respecto de analizar colectivamente as necesidades de escolarización de Arteixo. Distintas ANPAS do Concello iniciamos un traballo de comunicación responsable para facerlle chegar ás administracións públicas correspondentes información a respecto da realidade na que se está a desenvolver a prestación dos servizos educativos nos centros de ensino público de Arteixo. Valoramos positivamente os avances comunicativos co Concello, pero non é dabondo. Chegamos ao remate do curso 17/18 sen nin tan sequera poder desenvolver unha entrevista solicitada coa Xefatura Territorial para o intercambio de informacións. E o tempo e a demografía non se deteñen. Non agardan pola burocracia.

Xa que logo, tomamos a decisión de facer a seguinte comunicación:

Apelamos á capacidade e competencia das administracións públicas e organismos implicados neste proceso para que prioricen e axilicen todos os pasos necesarios para conseguir o obxectivo de ter en funcionamento un novo CEIP e un novo IES para o curso 20/21. O tempo perdido para iniciar o proceso necesario para a súa posta en marcha terá que ser recuperado con vontade política traducida en feitos e orzamentos.

Propoñemos no entanto que se proceda á implantación do Bacharelato no IES de Pastoriza, e que tanto para os CEIP que así o precisen como para o IES Manuel Murguía se adopten por parte da Consellería de Educación medidas temporais urxentes para aliviar na medida do posible a masificación dos centros no tempo que quede para o inicio da actividade nos novos, sempre en acordo coas respectivas comunidades educativas de cada centro.

Consideramos que sería oportuno constituír e convocar ao Consello Escolar Municipal e darlle a encomenda específica de actuar como mesa de seguimento do proceso de construción e posta en marcha dos novos centros e onde se poidan intercambiar propostas para a definición do modelo arquitectónico, de servizos, organizativo e funcional de ditas instalacións.

Este organismo, constituído con representación paritaria de todos os estamentos da comunidade educativa de Arteixo debera ter parte tamén, xunto coa Consellería titular da  prestación dos servizos educativos, para abordar a reestruturación da oferta educativa nos centros de ensino público de Arteixo, a adaptación dos servizos de transporte escolar e extra-escolar ás necesidades reais do alumnado dos centros e das súas familias, atendendo especialmente á seguridade na mobilidade, e o deseño dun sistema de conciliación familiar de prestación pública en condicións de igualdade para todos os centros e todo o alumnado do Concello.

Sumámonos asemade á reclamación das escolas unitarias rurais da creación dun Centro Rural Agrupado que poida fornecer as prestacións educativas para ditos centros, tal e como veñen solicitando tanto os profesionais como as familias do seu alumnado.

Este comunicado será remitido á Xefatura Territorial, ao Concello e aos medios de comunicación e publicado por cada ANPA que o secunda, nos seus propios espazos.

mércores, 20 de xuño de 2018

¡ACTUALIZACIÓN! Aberto o prazo de alta en comedor e madrugadores 2018-19

Estimadas familias,
xa está aberto o prazo de solicitude de praza en comerdor e madrugadores. As novas altas e renovacións deberán entregarse antes da finalización do presente curso, en caso contrario consideraranse altas extraordinarias.
Ampliaremos información nesta mesma publicación nos próximos días, pero tamén tes a túa disposición dípticos no local da ANPA (martes e xoves de 9 a 9:30), chamando a Jardanay no teléfono 981 12 66 27 ou no email comedor@jardanay.es e tamén as solicitudes de alta, baixa renovación e intolerancias para descargar dende o blog na sección de comedor

20/06/2018 Engadimos o díptico informativo

venres, 15 de xuño de 2018

Xornada de Convivencia das actividades extraescolares (Concello de Arteixo)

A Concellaría de Relacións coa Comunidade Educativa e Deportes está a organizar a Xornada de Convivencia das actividades extraescolares do curso 2017 - 2018 dos C.E.I.P.s Ponte dos Brozos, Arteixo, Galán e San Xosé Obreiro e das Escolas Unitarias deVilarrodís, Barrionovo, Lagoa, Larín e Rorís.

DATA: Mércores 20 de xuño
HORARIO: 17:00-20:00 horas
LUGAR: Zona deportiva da Avenida Arsenio Iglesias no campo de fútbol de herba artificial (Arteixo). En caso de Choiva a celebración trasladarase á carpa cuberta do campo da festa.

PROGRAMA:
Obradoiros, inchables, actividades deportivas e outras sorpresas.
Merenda e agasallo para todos/as os/as nenos/as participantes nas actividades extraescolares durante o curso 2017/2018.
Se algún neno/a non puidese  asistir á Xornada, poderá recoller o seu agasallo dende o día 21 ata o 29 de xuño (ambos os dous inclusive) en horario ininterrompido de 09:00 a 14.00 horas no Pazo dos Deportes.

NORMATIVA:
Poderán asistir a esta xornada todos os participantes das actividades extraescolares ao longo deste curso e ademais poderán convidar a dous amigos-as para que os acompañe nesta xornada lúdica. Estes amigos terán dereito a participar nas actividades e a recibir merenda, pero non terán dereito a agasallo.
Cada menor deberá estar obrigatoriamente acompañado dun adulto ao longo de toda a xornada.
Cada menor participante, deberá portar a pulseira identificativa para poder participar nas distintas actividades. Esta pulseira será entregada aos nenos-as durante os vindeiros días nas actividades extraescolares. O menor que asiste ás actividades deberá portar a pulseira blanca e os acompañantes unha pulseira de cor.
Para subir aos inchables é obrigatorio utilizar calcetíns


sábado, 9 de xuño de 2018

Festa fin de curso 2017-2018

Estimadas familias,
o día 21 de Xuño, en horario de 17:00 a 20:00h, celebraremos nas instalacións do centro unha festa para celebrar a despedida do curso 2017-18 a que tódalas nenas, nenos, familias, mestres e demáis membros da comunidade educativa están convidados a asistir.
Os nenos deberán acudir acompañados por un adulto e deberase confirmar asistencia antes do 18 de xuño entregando a circular cuberta no buzón da ANPA, enviándo por correo electrónico ou no formulario de abaixo.

Data: 21 de xuño
Horario: 17h a 20h
Lugar: CEIP de Galán
Prezo: Gratuito para socios / 5€ por neno ou nena (maiores de 2 anos) para non socios